Denuncian a discriminación do galego por parte de Google Ads

venres, 5 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Durante os últimos anos son moitas as fontes que denuncian a discriminación que exerce Google á lingua galega, que supón importantes prexuízos para a nosa cultura e economía, xa que os contidos na Rede en galego teñen un peso inferior que os publicados en español, o que afecta á visibilidade dos nosos contidos, segundo vén a denunciarse dende 2008, o que acentuouse nos últimos anos, o que podería ter contribuído directamente á redución da presenza do galego na Rede.
Lembremos que Google News, servizo que pechou en España en 2014, rexeitaba a incorporación de páxinas web en galego, ou sexa, que para Google non existen os medios de comunicación en galego (pois non cataloga como tal ás páxinas web que están escritas integramente na nosa lingua), o que claramente supón unha distorsión da realidade, ante a que veñen facendo ouvidos xordos dende hai anos.
As páxinas web en galego tampouco poden tirar proveito da publicidade administrada por Google, o que dificulta a súa viabilidade económica, xa que ven como unha das canles de financiamento básicas está pechada dende o primeiro momento, o que provocou non poucas reclamacións nos últimos anos ás que agora súmase a do festival da ilusofonía Cantos na Maré, que terá lugar en Pontevedra entre os días 11 e 14 de outubro, e que topou cun atranco que levamos moitos anos padecendo e que están a visibilizar: resulta imposible contratar publicidade en galego con Google.
Google só acepta publicidade en 44 linguas entre as que figura o español, o portugués e o catalán, pero o seu sistema discrimina ao galego e ao éuscaro. Pero cómpre lembrar que Google Ads non só vende espazos publicitarios no seu buscador, senón que estes anuncios están presentes en millóns de páxinas web de todo tipo e, de feito, acaparan preto do 40% da publicidade en liña, polo que pechar as portas a linguas enteiras supón un freo para a divulgación de iniciativas culturais, proxectos empresariais e calquera outro tipo de publicidade susceptible de facerse a través da Internet.
Outro ámbito no que a política de Google con respecto ao galego ten claras repercusións negativas é cos vídeos de YouTube, que non poden monetizarse, á vez que tampouco poden beneficiarse o algoritmo de recomendacións do propio sistema, de xeito que a burbulla que envolve aos contidos de vídeo en función de diferentes elementos demográficos non favorece aos contidos en galego, de xeito que compórtanse de xeito atómico, en vez de arrastrar tráfico de uns a outros como acontece cos vídeos noutras linguas.