YouTube permitirá que os usuarios poñan os seus vídeos en aluguer

mércores, 5 de maio do 2010 Marcus Fernández

Google continúa a experimentar coa capitalización do seu servizo de vídeo, e aparte da súa tenda de aluguer de vídeos (polo momento só dispoñible dende EE.UU.) agora tamén permitirá que os usuarios afiliados ao seu programa de partners poidan alugar os seus propios vídeos, definindo eles mesmos os prezos e duracións destes alugueiros.
Esta nova prestación tamén quedará limitada polo momento aos EE.UU., pero poderían ser un mero prólogo da comercialización masiva de contidos a través de YouTube, que podería converterse nunha importante plataforma de vídeo á carta que resulta especialmente atractiva dende a adopción de vídeos en alta definición e que tamén podería ser de grande utilidade para pequenas produtoras de contidos que non tivesen acceso a plataformas de distribución tradicionais.