Xa está dispoñible o emulador de Commodore 64 para o iPhone

luns, 7 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Nos últimos meses a App Store de Apple rexeitou distintas aplicacións dedicadas á emulación por software doutras plataformas de hardware, pero nas últimas horas sorprenderon ao aprobar C64, un emulador dun ordenador Commodore 64 desenvolvido por Manomio, que está á venda por 3,99 euros, incluíndo os xogos Dragons Den, Le Mans, Jupiter Lander, Arctic Shipwreck e Jack Attack, e agardándose que en breve inclúa tamén a posibilidade de descargar distintos videoxogos do clásico ordenador doméstico de 8 bits que sexan do agrado dos máis nostálxicos.
Estamos ante un emulador totalmente legal, que busca recuperar multitude de xogos clásicos adaptados á pantalla do iPhone e iPod Touch, funcionando tanto en formato vertical (dividindo a pantalla nunha área de xogo e outra de control) coma en horizontal (estando a interface de control superposta ao vídeo do xogos, como acontece con moitos dos títulos actuais para o iPhone), o que permite que o usuario elixa se xogar a pantalla completa ou a media pantalla.
De ter unha boa acollida poderiamos estar ante a primeira de moitas aplicacións que recuperen plataformas clásicas de xogo.


Demostración do funcionamento do emulador do Commodore 64