Xa é posible descargar o prólogo de The Last of Us

venres, 14 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Hoxe chegou á PlayStation Store o capítulo descargable Left Behind para o videoxogo The Last of Us, que en vez de continuar a historia dun dos mellores xogos para PlayStation 3 de todos os tempos, narra a vida dunha das súas protagonistas, Ellie, antes dos acontecementos vistos no xogo. Esta descarga véndese por 14,99 euros e precisa do xogo principal para poder funcionar e contan con voces e texto en varios idiomas entre os que non faltan o portugués e o español.
Nesta especie de prólogo Naughty Dog lévanos a explorar a relación de Ellie con Riley, a súa mellor amiga no internado militar no que se criou. A aventura comeza cando, tras unha desaparición de Riley durante dúas semanas, esta volve cunha revelación sorprendente, tras o que foxen do colexio por derradeira vez, desencadeando unha serie de acontecementos que cambiarán as súas vidas para sempre.


Trailer de lanzamento de Left Behind para The Last of Us