Wuaki.tv prepara o lanzamento dunha tarifa plana de series e películas
mércores, 13 de xuño do 2012
A terceira compañía mundial de comercio electrónico, a xaponesa Rakuten,
vén de facerse co servizo de vídeo baixo demanda Wuaki.tv, o que supón a
entrada de Rakuten en España e permitirá que Wuaki.tv mellore substancialmente
o seu servizo e poida proxectarse internacionalmente ao formar parte dun grupo
con grande forza na Rede.
Unha das primeiras accións de expansión de Wuaki.tv é a demandada tarifa plana
de series e películas (incluíndo as actuais e as que se engadirán no futuro,
coa excepción das estreas) que para
os primeiros en inscribirse terá un custo promocional de 4,99 euros/mes de por
vida (obtendo tamén 2 meses de balde).
Wuaki.tv, empresa fundada en 2009 e con sede en Barcelona, presume de ser a
primeira plataforma de vídeo baixo demanda e streaming en España, ofrecendo contido Premium pola Rede que non só
pode verse vía web no ordenador, senón tamén a través de televisores
intelixentes e, en breve, tamén a través da
Xbox 360, o que fai moi atractivo o consumo audiovisual que tamén pretende
saltar a dispositivos móbiles. De feito, o director xeral e fundador de
Wuaki.tv, Jacinto Roca, chegou a asegurar que confían en que “chegará un momento no que o vídeo en iña
substituirá á televisión de pagamento tradicional”.
