WhatsApp permite reaccionar a mensaxes con calquera emoticona

luns, 11 de xullo do 2022 Marcus Fernández

Hai un par de meses WhatsApp incorporou as reaccións como un xeito de dinamizar as respostas mediante un mecanismo que consegue respostas máis rápidas e divertidas e, especialmente, reduce a cantidade de ruído nos grupos, pero esta forma de comunicarse de xeito minimalista vén de renovarse de xeito que xa non limita as reaccións a un reducido grupo de emoticonas, senón que deixa que os usuarios elixa a emoticona que desexen como reacción.
Agora, cando queremos reaccionar a unha mensaxe, aparte das emoticonas predeterminadas, atoparmos un símbolo de + que, ao premelo, permítenos elixir todas as emoticonas dispoñibles en WhatsApp.
A nova funcionalidade iniciou hoxe o seu espallamento, polo que algúns usuarios aínda poderían tardar algúns días en recibila, pero semella que a meirande parte dos usuarios xa contan coas reaccións ampliadas, o que axudará a comunicacións máis fluídas e con menos mensaxes innecesarias nas conversas.