Vodafone realiza unha chamada 5G por satélite cun móbil normal

martes, 19 de setembro do 2023 Marcus Fernández

Vodafone e AST SpaceMobile levan meses colaborando para facer posible levar a cobertura móbil 5G a calquera recanto valéndose de satélites de órbita baixa, e esta iniciativa está a celebrar un grande fito: a realización da primeira chamada 5G do mundo dende o espazo empregando un smartphone estándar. Concretamente a chamada tivo lugar dende Hawaii a José Guevara, un enxeñeiro de Vodafone situado en España, realizándose para a comunicación un teléfono Samsung Galaxy S22 e un satélite de probas BlueWalker 3 de AST SpaceMobile.
Vodafone tamén informou de que noutra proba realizada conseguiu establecer comunicacións de datos a preto de 14 Mbps, polo que as conexións móbiles baseadas en tecnoloxía de satélite podería permitir gozar de banda larga móbil en zonas remotas sen ter que empregar terminais especiais.