Videoxogo.gal renova a súa xunta directiva
luns, 13 de xaneiro do 2025
A asociación galega de videoxogos e contados interactivos, Videoxogo.gal, vén de anunciar a renovación da súa xunta directiva co obxectivo de dar pulo ao seu crecemento e conseguir un maior impacto no sector.
A renovación da directiva formalizouse na asemblea extraordinaria da asociación celebrada o pasado 30 de decembro, na que se escolleu como presidente a Rubén Calles Lijó (Ao Norte), como vicepresidenta á localizadora de videoxogos Alba Calvo Porrúa, como tesoureira a Uxía Baños Selas (Visualhouse), como secretario a Rafael Alcalde Azpiazu (Clarcat) e Concepción González Agulla (Electronic Arts), Pablo Monroy Romero (OverPowered Team), Nacho Pintos Magdalena e Miguel Ángel Areán Míguez (Polygon-e) ocupando as catro vogalías.
Esta directiva serve de representación da natureza multidisciplinar do sector do videoxogo no que se combinan deseño, programación, guión, música, localización, dobraxe, márketing...
Videoxogo.gal continuará a traballar para mellorar a súa comunicación e consolidar unha comunidade que contribúa a un tecido industrial que facilite a creación de empresas sólidas que ofrezan empregos estables e de calidade nesta importante industria cultural.
