Un xogo para PS2 lidera as vendas no Xapón

venres, 18 de xullo do 2008 Marcus Fernández

Nos últimos meses puidemos ver cómo nas listaxes de vendas de videoxogos entraron con moito esforzo as consolas de alta definición, comezando a ocupar un lugar que estaba dominado polas vellas consolas e polos títulos das consolas de Nintendo (que dominaron absolutamente as vendas durante moitos meses) pero os últimos datos de vendas do Xapón demostran que a grande base das vellas consolas como a PlayStation 2 aínda pode ameazar á chegada das novas, e o título máis vendido no país nipón é sorprendentemente Persona 4, un xogo RPG para PS2 do que puidemos ver a súa anterior entrega en España a finais do pasado mes de febreiro.
A saga de Persona ten moito éxito no Xapón, chegando a ter incluso a súa propia serie televisiva de animación, pero nun momento no que os fabricantes queren levar aos consumidores a renovar o parque de consolas de videoxogos a venda de 193.000 unidades dun xogo (superando sobradamente ao segundo título da listaxe, Wii Fit, que só consegue colocar 30.000 copias, aínda que cómpre destacar que acumula un total de 2.353.000 unidades vendidas) nos demostra que a PS2 é unha consola que conserva moita forza, e que a súa desaparición no mercado estará provocada pola falta de novidades e non pola demanda do público dunha maior definición nos xogos.