Un estudo confirma a Movistar como o mellor operador en relación calidade-prezo

xoves, 7 de decembro do 2017 Marcus Fernández

A Unión de Consumidores de Galicia dá a coñecer os resultados do seu XV Observatorio de calidade-prezo dos operadores de telecomunicacións de fixo e móbil, baseado en datos oficiais, no que Movistar consegue un ano máis situarse como o primeiro operador cunha puntuación global dun 8,23, seguida moi de preto por Euskaltel no País Vasco cun 8,20. En contraste temos que R perdeu máis dun punto dende o estudo do ano pasado, quedando nun 6,79. En vista desta situación dende UCGAL confían en que das dinámicas de Euskaltel poidan trasladarse a R e Telecable, compañías que agora pertencen ao mesmo grupo.
No que a calidade da Internet se refire, Movistar, Ono e Euskaltel quedan por enriba dos 7 puntos, mentres que Vodafone, Orange e Jazztel non chegarían ao 6. En asistencia técnica Orange sería a peor compañía, tardando 5 días en reparar unha avaría, seguida por Telecable con 4 días. Vodafone e R, pola súa banda veríanse penalizados pola porcentaxe de avarías por liña (un 4%). Sorprendentemente Movistar presenta un 5% de avarías por liña, volume pouco habitual para este operador (que, por outra banda, soluciona o 98% das avarías en 48 horas).
No relativo ás reclamacións, no ámbito móbil destaca que R supera o 2% de taxa de reclamacións, tardando uns 10,14 días en resolvelas, de xeito que sería a peor compañía do Estado neste ámbito (Vodafone, tamén cun 2%, solucionaría as reclamacións en menos de 4 días).

Táboa comparativa do estudo