Un ataque informático afecta a 35 páxinas web da Universidade de Vigo

luns, 22 de abril do 2013 Marcus Fernández

Un grupo que responde ao nome de Moroccan Hackers PRO deu conta a pasada fin de semana de que tiñan atacado a seguridade de 35 páxinas web dependentes da Universidade de Vigo, que van dende departamentos e facultades ata proxectos como Ponte nas Ondas, modificando os espazos afectados para incluír unha mensaxe na que reivindican que o Sáhara e as cidades de Ceuta e Melilla pertencen a Marrocos, e aínda que tal acto de vandalismo foi eliminado de varias das páxinas web modificadas (entre as que se inclúe a da Escola de Telecomunicacións), continúan actualmente fóra de servizo.
Dá a impresión que este ataque masivo produciuse por culpa dun fallo de seguridade dalgunha versión do xestor de contidos Joomla (algunha das páxinas afectadas tiñan instalada unha versión sen soporte e claramente insegura deste CMS libre).
Sorprendentemente a Universidade non alertou aos seus usuarios do incidente a través das redes sociais nin da súa páxina web institucional, algo que sería máis que recomendable, tanto para dar conta dos espazos fóra de servizo como do perigo de visitar unha páxina web usurpada tras algún ataque informático.