Tanxugueiras é elixida polos internautas como a palabra galega do ano en 2021
luns, 27 de decembro do 2021
Xa
temos
Palabra do Ano 2021, logo da votación en liña convocada novamente
pola RAG (Real Academia Galega) no seu Portal das Palabras, en
colaboración coa Fundación Barrié. Os internautas, despois dun
proceso que como de costume guindou (a través das palabras
candidatas) un balance dos acontecementos relevantes que vimos de
deixar atrás, decatáronse finalmente por tanxugueiras, en
alusión directa a unha das agrupacións musicais galegas de meirande
proxección e, indirectamente, aos novos camiños de creación,
divulgación e reivindicación que está a percorrer a música
tradicional galega e, por extensión, a nosa cultura.
O
termo tanxugueiras, que alén de dar nome ao trío de
pandeireteiras define un lugar poboado por teixugos, competiu con
outras voces que serven, en conxunto, para definir o complexo ano que
estamos a piques de despedir: coada, gromo, resiliencia, e
vacinódromo. A votación rematou este 25 de decembro.
Segundo
explican a RAG e a Fundación Barrié, a Palabra do Ano “trata de
identificar aquilo que resuma como se viviron colectivamente os
últimos doce meses ou algún aspecto que sobresaíse, para ben ou
para mal, na actualidade máis próxima ou global, en ocasións a
través de neoloxismos e noutras a través de voces presentes na
lingua dende hai moito tempo”. É o caso das cinco voces
finalistas, que fixeron referencia, un ano máis, á pandemia da
COVID-19, pero tamén á actividade do volcán de La Palma ou ao auxe
da música tradicional galega, tal e como demostra a presenza do
vocábulo tanxugueira, que non figura no Dicionario porque é
en realidade un topónimo que fai referencia a un lugar con moitos
teixugos, amais de á agrupación formada por Olaia Maneiro, Aida
Tarrío e Sabela Maneiro.
Dende 2014 o Portal das Palabras convida ademais a todas as persoas
que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións
anteriores foron elixidas nós (2020), sentidiño (2019)
deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016)
—coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a
(2015) e corrupción (2014).
Un microtopónimo
O termo tanxugueiras,
que non está no dicionario da RAG como tal, é en realidade o
plural dun microtopónimo, que elevado á Palabra do Ano convértese
“tamén nunha icona da gran riqueza da lingua galega como produtora
de nomes de lugar que conforman un patrimonio inmaterial único no
mundo, sinala a entidade, engadindo que a voz gañadora esta ano do
certame designa, en concreto, unhas terras da parroquia de Fumaces,
no concello de Riós (Ourense), situadas nun alto e abeiradas. No
territorio galego hai outro lugares co mesmo nome nos concellos de
Catoira (Pontevedra), Dodro (A Coruña) e, de volta na provincia de
Ourense, en Viana do Bolo, como se pode comprobar na aplicación
Galicia Nomeada, a plataforma para a recolleita
colaborativa da microtoponimia creada pola Real Academia Galega e a
Xunta de Galicia.
O vocábulo é unha alteración da forma etimolóxica Teixugueira,
un zootopónimo común no país que sinala os sitios onde hai
presenza ou abundancia de teixugos ou porco teixos, un tipo de
mamífero de vida nocturna que se alimenta de bichocas, landras e
plantas coma a do millo, polo que nalgúns lugares de Galicia se
tocaba o corno polas noites para espantalo. Esta voz popular
remitiría ao latín taxo, taxonis, o nome
latino que recibía o teixugo,
aínda que podería vir tamén dunha suposta forma xermánica
thahsus ou do gótico thahsuks, explican dende a RAG.
A pegada da COVID e do volcán de La Palma
A COVID-19
deixou
pegada no segundo, no terceiro e no cuarto posto da votación, que
son para resiliencia, vacinódromo
e gromo. O
quinto foi para coada,
na acepción referida ao manto de lava en estado líquido emitida por
un volcán durante as súas erupcións, que quedou en último lugar
despois de moito repetirse nos medios de comunicación e na rúa
debido á actividade volcánica que abriu tantos telexornais dende o
mes de setembro.
A Real Academia Galega e a Fundación Barrié promoven dende 2014 a
elección da Palabra do Ano a través do Portal das Palabras, o
proxecto que comparten para a modernización do traballo
lexicográfico e a divulgación da lingua galega.
