Segue a medrar a venda e iPhones e iPads mentres caen os Mac e iPods

mércores, 23 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Apple anunciou hoxe os seus resultados financeiros para o trimestre fiscal que rematou o 29 de decembro, rexistrando uns ingresos de 54.500 millóns de dólares, o que supón uns beneficios netos de 13.000 millóns de dólares (13,81 dólares por acción) cando no mesmo período do ano pasado ingresara 46.300 millóns de dólares cuns beneficios netos de 13.100 millóns de dólares (13,87 dólares por acción). Destes ingresos, o 61% correspóndense a vendas fóra dos EE.UU. Estes resultados económicos non parecen satisfacer aos mercados, e tras a súa publicación a cotización bolsista de Apple caeu preto dun 10%.
Grazas a estes datos tamén sabemos o estado das vendas de distintos produtos da compañía, como o incremento interanual de iPhones e iPads, que chegaron aos 47,8 e 22,9 millóns de unidades vendidas respectivamente, cando un ano antes esas cantidades quedaran en 37 e 15,4 millóns; pero outros produtos están en decadencia, como os Macs, que só venderon 4,1 millóns de unidades (fronte os 5,2 millóns do ano anterior) e 12,7 millóns de iPods (cando o ano anterior venderan 15,4 millóns).