Rexistran as oficinas coreanas de Samsung ante sospeitas de ter roubado tecnoloxía a LG

xoves, 11 de abril do 2013 Marcus Fernández

Esta semana as oficinas da división de pantallas de Samsung en Corea do Sur foron rexistradas pola Policía en relación a unha investigación por roubo de tecnoloxía. As autoridades policiais de Seul acudiron aos cuarteis da compañía en Asan, ao sur da capital coreana, para buscar documentación sobre a tecnoloxía que supostamente terían roubado do seu principal rival, LG. Ambas compañías están a acusarse mutuamente de roubo de tecnoloxía, e no mes de xullo 6 empregados de LG Display foran acusados de roubar información sobre a tecnoloxía OLED de Samsung.
Dende Samsung consideran absurdas as acusacións, asegurando o seu voceiro, Jun Eun Sun, que “non temos motivos para roubar tecnoloxía doutras compañías, pois temos a mellor tecnoloxía OLED do mundo”, mentres que dende LG aseguran non ter instigado da operación policial, matizando que “as últimas investigacións están relacionadas coa tecnoloxía de paneis OLED de televisores de grande tamaño”.
Actualmente Samsung e LG son os principais fabricantes de pantallas planas a nivel mundial, e ambos están a esforzarse en colocar no mercado novos televisores con pantallas OLED, máis finas, con menos consumo e imaxes máis vivas, para intentar potenciar unhas vendas que están en baixa.