Preparan remake dun dos beat’em up das Tartarugas Mutantes

luns, 4 de maio do 2009 Marcus Fernández

A xente de Ninja Pizza anunciou que están a preparar un remake do clásico de recreativas Turtles in Time, un título beat’em up da saga das Tartarugas Mutantes publicado en 1991 inspirado na serie animación que puidemos ver no seu día a través da TVG.
Este xogo xa contara cunha adaptación para a consola Super Nintendo, e agora chegará ao Bazar de Xbox LIVE cuns gráficos renovados para darlles unha aparencia tridimensional. Aínda que inicialmente están a traballar na versión de Xbox 360 do xogo, no futuro tamén poderían chegar versións para Wii e PS3.
A xogabilidade do título conservaríase totalmente (con respecto do xogo de recreativas), e os cambios limitaríanse á aparencia.
Este videoxogo é un produto ideal para celebrar o 25º aniversario dos personaxes creados por Kevin Eastman e Peter Laird, e parece estar bastante avanzado se atendemos ao vídeo que circula na Rede no que podemos velo en funcionamento: