PlayStation Now ofrécese nos EE.UU. a só 99,99 dólares/ano

luns, 7 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Agora que son populares servizos como Spotify e Netflix algunhas compañías buscan trasladar o modelo da subscrición por uso aos videoxogos, e unha das grandes dúbidas é o que os usuarios estarían dispostos a pagar, debate que está a reavivarse tras o lanzamento dunha atractiva promoción nos EE.UU., onde Sony está a ofrecer subscricións de 12 meses por PlayStation Now a un prezo de 99,99 dólares.
PlayStation Now é un servizo que permite gozar de centos de xogos de PlayStation 3 na PlayStation 4 a través de streaming, e que actualmente non temos dispoñible en España, pero resulta rechamante que por pouco máis de 8 dólares/mes os usuarios norteamericanos que teñan unha conexión á Rede de máis de 5 Mbps poidan gozar do xogo remoto a través de numerosos dispositivos que non só inclúen as consolas PS4, PS3 e PS Vita, senón que tamén incluirían algúns dispositivos Smart de Sony (como televisores e reprodutores de Blu-ray).
A promoción mencionada supón unha rebaixa de máis do 55%, e mañá mesmo o servizo recibiría xogos como Batman: Arkham Asylum, Batman: Arkham Origins, Injustice: Gods Among Us, Mortal Kombat, F.E.A.R., The LEGO Movie, LEGO Harry Potter: Years 1-4, LEGO Harry Potter: Years 5-7 ou LEGO: Batman: The Videogame, deixando claro que estamos ante un servizo de subscrición que pode garantir moitas horas de diversión sempre que non queiramos gozar das últimas novidades, aínda que recibe bastantes actualizacións (o mes pasado incorporou 105 xogos entre os que figuran Resident Evil 6, Ultra Street Fighter IV, Mega Man 10, Bionic Commando: Rearmed 2, Strider, Lost Planet 3, Dead Rising 2, Asura’s Warth, Double Dragon Neon, Dragon’s Lair II: Time Warp, Space Ace ou Samurai Shodown). Conseguirase popularizar o xogo en streaming como xa acontece co consumo audiovisual en liña grazas a prezos asumibles?

Os cativos tamén poden gozar de horas de diversión grazas á incorporación dos xogos de LEGO a PlayStation Now