Os portátiles do proxecto OLPC poderán funcionar baixo Windows XP

venres, 16 de maio do 2008 Marcus Fernández

Os ordenadores de baixo custo para países en vías de desenvolvemento do proxecto OLPC veñen de dar un paso moi importante, pois pecharon un acordo con Microsoft para achegar o sistema operativo Windows XP a este tipo de equipos deseñado para o seu uso por cativos.
Ata o momento os ordenadores XO distribuíanse só cunha distribución de Linux adaptada a estes equipos, pero en breve permitirán mellorar as opcións dos usuarios, que mesmo poderían contar no mesmo equipo con arranque dual Windows/Linux. Dende OLPC tamén traballarán en portar a interface de usuario Sugar (desenvolvida para o XO) a Windows.
A incorporación de Windows ao proxecto OLPC parécelle negativa a algúns críticos que pretendían un proxecto máis aberto, pero o certo é que atende a unha demanda real dos contornos educativos, pois na actualidade xa existen numerosas aplicacións informáticas para Windows orientadas ao seu uso escolar, e non resultaba razoable deixar de lado tal cantidade de contidos educativos.
Microsoft estivo a traballar durante máis dun ano con distintos colaboradores para desenvolver os controladores que permita o bo funcionamento de Windows nos portátiles XO, e finalmente conseguiron que soportase o modo de lectura tipo e-book (coa pantalla en branco e negro, e cunha maior resolución), o Wi-Fi, a cámara, as características de aforro de enerxía e outras características propias deste orixinal portátil que finalmente se abre aos milleiros de aplicacións dispoñibles para o sistema operativo de Microsoft.
Para facernos unha idea do que está a ser a adaptación de XP ao OLPC XO-1 podemos ver un vídeo no que se detallas as principais características que xa se atopan operativas: