Os avances tecnolóxicos do noso sector do mar, ao detalle no Festival Mar de Mares

xoves, 11 de xuño do 2026 S. P.

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, inaugurou a primeira hora deste xoves 11 de xuño o IV Foro Azul, celebrado no marco do Festival Mar de Mares no Espazo Avenida Abanca, na Coruña. Nel, resaltou os avances tecnolóxicos do sector marítimo galego e as novas iniciativas que se están a aplicar desde a Xunta de Galicia para o proceso de transición dixital e tecnolóxica.
Durante o evento, Villaverde salientou a importancia da innovación tecnolóxica na realidade marítimo-pesqueira e a necesidade de manter o equilibrio da entre a preservación do medio mariño e a rendibilidade económica.
No dito punto destacan iniciativas pioneiras no sector coma MaruxIA (unha iniciativa tecnolóxica para crear un xemelgo dixital baseado en intelixencia artificial que optimice a xestión de recursos mariños e a sustentabilidade nas rías galegas), o proxecto Lonxas Galegas 4.0 (a solución dixital e intelixente baseada na nube para modernizar o sector pesqueiro galego, cuxo obxectivo é automatizar e conectar as lonxas e confrarías de pescadores, optimizando os procesos de comercialización dende a pesada do peixe ata a facturación final), ou o Plan Estratéxico de Observación Mariña. Estes proxectos, son “unha ferramenta excepcional para consolidar unha auténtica Economía Azul, forte e puxante”, afirmou.
Por outra banda, sobre outro dos asuntos que se abordaba no foro, a acuicultura, a conselleira do Mar incidiu na importancia deste sector estratéxico e que "está chamado a xogar un papel moi relevante no autoabastecemento dos mercados comunitarios de produtos mariños”, xa que produce alimentos “saudables, de alta calidade e, ademais, cunha pegada de impacto ambiental moi baixa”.
Na súa intervención, a conselleira tamén aproveitou para felicitar á Asociación “Redes de Sal”, organizadores do Mar de Mares, por ser recentemente seleccionado coma finalista polo prestixioso programa Líderes Culturales entre máis de 100 acontecementos culturais en todo o país.
Este evento reúne a algunhas das voces mais relevantes do sector marítimo. Nesta xornada inicial analizouse a transformación dixital e a IA aplicada ó mar, a evolución da gastronomía e pesca sostible galega, o desenvolvemento do patrimonio marítimo en espazos de cultura, deporte e benestar, e o futuro da acuicultura respectuosa cos recursos naturais.