O xogo da nova película de Spider-Man gañará espectacularidade grazas ao uso de Web Rush

venres, 18 de maio do 2012 Marcus Fernández

Aínda que os xogos baseados en películas tenden a ser pouco dignos de lembranza, parece que a xente de Beenox está a tomarse en serio The Amazing Spider-Man, xogo que estará inspirado na película do mesmo nome que pretende facerse coas salas cinematográficas o vindeiro verán, e que poderemos ver en consolas e PC a partires do 29 de xuño, e como exemplo do que achegará este título temos un novo vídeo no que explican a incorporación do Web Rush, un sistema que fará posible que o Home Araña poida moverse dun xeito fluído e espectacular, o que podería compararse ao popular tempo bala que aparece na saga de Max Payne, aínda que non só afectará ao combate, senón tamén aos desprazamentos a toda velocidade ao longo da cidade.
Este novo xogo non será realmente unha adaptación da película, pois contará unha historia de seu (a xeito de epílogo), na que poderemos enfrontarnos a inimigos como a Iguana ou Rhino. Chegará en versións para Xbox 360, PlayStation 3, Wii, Nintendo 3DS e Nintendo DS.


Vídeo no que detallan o que ofrecerá o uso de Web Rush no novo xogo do Home Araña