O novo Call of Duty tamén destacará na portátil de Nintendo

xoves, 29 de xullo do 2010 Marcus Fernández

O vindeiro 9 de novembro chegará ao mercado Call of Duty: Black Ops, que vai distribuír Activision en todas as súas versións, confirmando que aparte do título desenvolvido por Treyarch para as consolas de alta definición tamén haberá unha adaptación á Nintendo DS desenvolvida en exclusiva por n-Space, e que situará aos xogadores nun grupo de forzas operativas da CIA que, equipados cun amplo arsenal de armas, deberá enfrontarse ás operacións máis recónditas e secretas do mundo.
Dende n-Space aseguran que Black Ops «levará a experiencia de xogo portátil de Call of Duty a un novo nivel» xa que, aparte do tradicional modo de xogo en primeira persoa, tamén será posible «tomar os mandos dun helicóptero de combate ou pilotar un avión de caza experimental co máximo sixilo».
Call of Duty: Black Ops para Nintendo DS contará con 6 niveis de xogo en liña multi-usuario cun novo sistema de melloras, un exclusivo modo cooperativo para 2 xogadores e modos Arcade e Desafío, que permiten revivir as misións do modo historia, para adquirir puntos extra e desbloquear novos logros.