O cine comercial en 3D chega a Galicia este ano

mércores, 1 de abril do 2009 Marcus Fernández

Este venres chega ás salas de cine a película Monstruos contra alienígenas, pero en Galicia só a poderemos ver no seu formato tradicional, xa que non contamos con salas cinematográficas comerciais con sistema de proxección 3D, polo que a experiencia será incompleta para moitos espectadores, que terían nesta obra de animación por ordenador un caso perfecto para probar a proxección tridimensional, que é unha das grandes esperanzas do cine na súa loita contra o consumo audiovisual doméstico e a piratería.
Por fortuna, parece que esta deficiencia vai superarse en breve, e segundo publica La Voz de Galicia, os cines de Yelmo en Vigo poderían contar con esta nova tecnoloxía a finais de mes, comprometéndose á proxección da mencionada película de Dreamworks en 3D en canto teñan dispoñible o novo sistema, que servirá para gozar outras películas que contarán con versión tridimensional no presente ano, coma Vamos a la luna, Ice Age 3 ou Avatar.
En setembro tamén podería incorporar a proxección 3D o cine de Yelmo en A Coruña, mentres que Cinesa deixará fóra de Compostela esta posibilidade pese a que vai implantar proxección 3D en preto de 30 salas en toda España.

Monstruos contra alienígenas podería ser a película que estree o cine comercial en 3D en Galicia