O BBC iPlayer convértese nunha canle da Wii

luns, 16 de novembro do 2009 Marcus Fernández

A BBC leva moitos meses procurando que os seus contidos cheguen ao seu público polo maior número de plataformas posibles, e aínda que en abril de 2008 xa contaban cunha versión web do BBC iPlayer que funcionaba no navegador web da Wii de Nintendo, quixeron ir máis adiante e os usuarios británicos poderán descargar de balde a partires do día 18 da tenda de aplicacións da Wii unha versión nativa do reprodutor multimedia da BBC para a consola doméstica, que permite seguir tanto os programas e series de televisión como as emisións radiofónicas dende a comodidade da consola, que habitualmente xa está conectada a un televisor, polo que converte a Wii nunha set-top-box revolucionaria.
Deste xeito, os usuarios da Wii poderán ter no propio menú principal da consola unha canle dispoñible dende a que acceder aos contidos da BBC sempre que a Wii estea conectada á Internet. Un interesante xeito de levar o BBC iPlayer ao televisor do salón.

Imaxe de Dan Taylor amosando o funcionamento da versión web do BBC iPlayer para a Wii