Nokia presenta HERE, unha nova plataforma de servizos de xeolocalización multiplataforma

martes, 13 de novembro do 2012 Marcus Fernández

Con aplicacións como Nokia Conducir para Windows Phone a compañía finlandesa demostrou que tomaba moi en serio os mapas e os servizos de localización (precisamente por iso mercaron NAVTEQ hai anos) e para avanzar neste eido anuncian hoxe HERE, servizo definido como “a primeira nube de localización que achega unha plataforma de localización, contido de localización e aplicacións de localización para calquera pantalla e calquera sistema operativo”, que nace coa vocación de que os servizos de localización deixen de estar centrados en aplicacións para abarcar unha experiencia de usuario máis completa.

A realidade aumentada pode aproveitarse para as buscas locais grazas á tecnoloxía de Nokia

Aínda que HERE é unha plataforma que se desenvolveu pensando principalmente na familia de móbiles Nokia Lumia, non vai limitarse aos móbiles con Windows Phone, e dende Nokia xa anuncian que están a traballar para levar a aplicación HERE Maps á App Store (de xeito que os usuarios do iPhone, orfos de Google Maps, poidan ter unha boa alternativa con mapas e navegación GPS guiada por voz), HERE Maps API para Android, HERE Maps para Firefox OS e unha páxina web dende a que poder crear mapas personalizados que logo estean dispoñibles dende o móbil.
Amais, estes mapas fan uso da tecnoloxía LiveSight, que emprega mapas 3D de alta precisión, o que serve para crear unha experiencia de realidade aumentada sen igual a través da aplicación Nokia City Lens para os móbiles Nokia Lumia, que serán os primeiros en tirar proveito de LiveSight.


A combinación de realidade aumentada e 3D consegue unha experiencia única con LiveSight

Nokia adoptou earthmine como unha alternativa ao Street View de Google

Para ofrecer unha experiencia de uso aínda mellor, e marcar a diferencia fronte a outros competidores, Nokia fíxose con earthmine, compañía especializada na captación de imaxes tridimensionais a pé de rúa, o que podería considerarse como unha alternativa ao Google Street View (pero que non se limita a imaxes de 360 graos, senón que combina esas imaxes con información 3D semellante á que a Xbox 360 capta co sensor Kinect) que durante o ano que vén agarda chegar a un total de 31 países.
En definitiva, que Nokia parece querer aproveitar a desfeita de Apple Maps para destacar coa súa solución de mapas, que busca ser multiplataforma, o que pode resultar de grande interese tanto para os usuarios como para as compañías que queiran estar presentes nesta nova canle que pretende seguir evolucionando nos vindeiros anos ata chegar a uns niveis que se adapten cada vez máis ás demandas reais dos usuarios no que á localización se refire.

HERE estará dispoñible como aplicación para iOS


HERE Maps API achegará as novas posibilidades de localización a Android