Monmouth convértese na primeira vila Wikipedia do mundo
venres, 18 de maio do 2012

- O museo de Monmouth utiliza códigos QRpedia para enriquecer a información sobre os seus obxectos
A vila galesa de Monmouth era toda unha descoñecida para o
mundo ata que, grazas á colaboración da Wikipedia, converteuse na “primeira vila Wikipedia do mundo”, tamén
coñecida como Monmouthpedia,
grazas á instalación de máis de 1.000 códigos QR que levan a artigos da
Wikipedia e que están repartidos por escolas, edificios públicos e exposicións
do museo local, o que facilita que os visitantes poidan empregar o seu móbil
para informarse sobre o que teñen diante no seu propio idioma, o que pretenden
que sexa de grande utilidade para os turistas, para o que tamén espallaron unha
rede Wi-Fi pública por toda a localidade.
Os artigos sobre Monmouth na Wikipedia están xeolocalizados, o que permite facer
unha visita virtual da vila empregando as aplicacións móbiles da Wikipedia ou a
capa da Wikipedia en Google Streetview ou na aplicación de realidade aumentada
Layar.
Sobre os códigos QR espallados por Monmouth, cómpre destacar que optaron por
numerosos formatos físicos, de xeito que poden atoparse en grandes placas de
metal ou cerámica para identificar lugares, pequenas placas de metal, cerámica
ou plástico para identificar obxectos, etiquetas para engadir información en
interiores (como nos obxectos do museo), adhesivos en cristais e incluso integrados
en carteis informativos.
Todo este despregamento técnico permite que os visitantes poidan ter
información de Monmouth en máis de 250 linguas (aínda que en moitos casos trátase da utilización de técnicas de tradución automática), converténdose no primeiro lugar
do mundo en poder gozar de tal prestación, o que podería contribuír de xeito
considerable ao seu atractivo turístico.

- Os edificios máis representativos da vila contan con códigos QR que permiten coñecer detalles sobre os mesmos
Reportaxe en vídeo sobre o proxecto da Monmouthpedia
