Instagram permite compartir as mencións nas historias a xeito de adhesivo

xoves, 7 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Ante a demanda da posibilidade de contar cunha alternativa ao rechouchío en Instagram, a plataforma social do momento resístese e ofrece solucións intermedias que están a demostrar ser bastante atinadas, e tras permitir compartir publicacións como adhesivos en historias, agora fan unha xogada semellante que consiste en permitir compartir as mencións en historias alleas a xeito de adhesivos en historias propias.
Esta nova funcionalidade pode ter unha relevancia moi importante, xa que supón un avance na interacción a través das mencións nas historias. ata o momento, cando un usuario citaba a outro nunha historia, a mención figuraba nunha conversa privada que facilitaba o agradecemento ou o establecemento dunha conversa sobre o momento compartido, pero agora esta comunicación pode facerse pública.
Cando alguén nos mencione nunha historia, na mensaxe directa que se crea automaticamente aparecerá unha miniatura da historia xunto cunha ligazón en azul que indica «engade este contido á túa historia» e, se prememos na ligazón comezaremos a composición dunha historia nosa na que pegar a allea, engadíndolle os elementos visuais que desexemos e coa vantaxe de que consérvase unha ligazón á usuario orixinal, facilitando así o descubrimento de outros usuarios en Instagram e potenciando a interacción a través das mencións.
Todo un acerto que busca claramente incrementar a interacción dos usuarios, aínda que cómpre lembrar que este tipo de prestacións só están dispoñibles para quen ten o seu perfil como público.