Instagram inicia os cambios na orde das imaxes

venres, 3 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Hai pouco máis de dous meses desatouse unha febre en Instagram ante un futuro cambio no funcionamento da orde das imaxes que podemos ver dende a aplicación, que pasaría de ser estritamente cronolóxica a empregar un algoritmo co que as fotografías que o sistema considere que poden resultar de maior interese para nós aparecerán primeiro, evitando así que non vexamos instantáneas que poden resultarnos interesantes, ante a imposibilidade de ver todo o que publican os usuarios aos que seguimos.
Pero a febre desatada entre os usuarios da aplicación non era a favor desta nova funcionalidade que beneficia ao consumidor, senón que partía dos creadores de contidos, ou sexa que a xente que ten un importante número de seareiros (aproveitando tal comercialmente) temía que o algoritmo de Instagram puidese prexudicalo, de xeito que moita xente que algún día decidiu seguilos non vería as súas imaxes simplemente se non interactúa coas mesmas con certa regularidade, e ante tal ameaza instaban aos usuarios a que fosen máis aló de subscribirse ás súas fotografías e vídeos, senón que chegasen a activar unha notificación no móbil cada vez que publicase algo, o que realmente sería unha molestia.
Dende Instagram tiveron que saír á palestra para explicar que o novo algoritmo non estaba activo, polo que a xente que estaba a pedir a activación das notificacións estaba a ter unha reacción inxustificada, pero a espera rematou, e agora confirman que iniciaron a implementación, de xeito que nas vindeiras semanas irase introducindo nas nosas contas, buscando mellorar o servizo e evitar que, de media, os usuarios non ven o 70% dos contidos aos que están subscritos, o que ocasiona que se perdan moitas cousas interesantes por publicarse a unha hora diferente á que se emprega a aplicación.
Co algoritmo empregado preténdese que as imaxes e vídeos das persoas coas que máis nos relacionemos estean sempre nas primeiras posicións, de xeito que daremos prioridade aos nosos mellores amigos ou aos nosos músicos e actores favoritos. Deste xeito a orde das fotografías xa non será cronolóxica, evitando que ignoremos contidos do noso interese e axudándonos a evitar material de pouco interese (para desgraza dos que producen ese tipo de contidos).