Instagram está a probar a función de repost

venres, 9 de setembro do 2022 Marcus Fernández

Imaxe na que podemos ver como sería a nova seccións nos perfís de usuario para recoller os repost

Dende os seus inicios Instagram ten un xeito de funcionar que se diferencia claramente de plataformas como Facebook ou Twitter, que consiste en que os servizos teñen un alcance bastante limitado, xa que normalmente só os poden ver os seareiros dos seus creadores, resultando complicada a súa viralización, algo que finalmente parece que vai mudar, xa que veñen de confirmar que Meta está a efectuar probas cunha función de repost, que serviría para difundir publicacións propias e alleas dentro da cronoloxía ordinaria (cando actualmente só era posible compartir publicacións alleas mediante historias e mensaxes directas).
A posibilidade de facer un repost é algo que agradecerán moitos creadores, xa que dese xeito os usuarios non roubarán os seus contidos sen citar ao autor, e poderán distribuílo dende as súas contas dun xeito doado e respectuoso cos creadores orixinais. De feito, esta función non será como o que realizan aplicacións externas, que consiste en duplicar o contido alleo, senón que estará relacionado co contido orixinal e, de feito, no perfil dos usuarios haberá unha pestana para recoller todas as publicacións alleas que se divulguen.
Cómpre salientar que polo momento estamos ante unha proba en Instagram, ou sexa, que non está confirmado que vaia chegar a todos os usuarios nin cando sería tal cambio, aínda que parece bastante probable que sexan unha función que pase a ser oficial en breve, xa que supón unha grande mellora tras anos comprobándose que a mecánica de publicación diferente de Instagram provoca problemas maiores que as súas vantaxes.