IDC prevé que os equipos convertibles continuarán a roubar mercado ás tabletas

luns, 6 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Nos últimos anos a informática persoal experimentou uns importantes cambios de tendencias, de xeito que os ordenadores de sobremesa foron perdendo peso, á vez que xurdiron as tabletas, que incluso ocuparon un espazo normalmente ocupa por ordenadores portátiles, pero tras unha época de revulsión o sector parece estar a marcar a senda que vai seguir nos vindeiros anos, e dende IDC apuntan a que nos vindeiros cinco anos continuará a tendencia baixista na venda de equipos (no seu conxunto), de xeito que dos 435 millóns actuais a finais de 2021 venderíanse 418,2 millóns.
Pero dende IDC si apostan por un interesante cambio no mercado, rexistrado nos últimos meses, no que estaría a frear a venda de portátiles grazas á emerxencia os equipos ultradelgados e convertibles, mentres que as tabletas puras están a caer estrepitosamente. Deste xeito temos que IDC considera que no futuro os equipos convertibles non erosionarán a venda de portátiles ordinarios, senón que absorberán parte do mercado das tabletas, xa que son equipos máis versátiles que non están unicamente destinados ao consumo de contidos, á vez que gozan dunha maior comodidade. Podemos percibir así como moitos fabricantes están a apostar ultimamente por Windows 10, cada vez más presente en pantallas táctiles.
IDC confía en que os convertibles serán os equipos dominantes en 2021, mentres que as tabletas continuarán a caer, mentres que os ordenadores tradicionais manterán unha cota de mercado moi semellante á actual.