Huawei asegura que os seus móbiles máis populares actualizaranse a Android Q

xoves, 20 de xuño do 2019 Marcus Fernández

Tras varias semanas de brétemas sobre a marca Huawei, o fabricante chinés está a reaccionar cunha campaña de comunicación para que os consumidores entendan que poden seguir confiando nos smartphones da compañía que están á venda, e baixo o cancelo #YoEstoyConHuawei queren deixar claro que «ningún Huawei vai deixar de funcionar».
Dende a compañía chinesa declaran que todos os dispositivos (smartphones e tabletas) de Huawei continuarán a recibir parches de seguridade e actualizacións de Android; que os compradores poden estar tranquilos á hora de mercar un dispositivo de Huawei xa que manterán o acceso a todas as aplicacións como fixeron sempre; que manteñen a súa garantía e soporte; e incluso aseguran que os seus dispositivos actuais máis populares poderán acceder ao futuro Android Q (que xa estaría a executarse no Mate 20 Pro).
Na páxina web de Huawei incluíron unha sección de Huawei Responde na que buscan tranquilizar aos consumidores, desbotan as falsidades difundidas nas últimas semanas e sorprenden publicando unha listaxe de teléfonos que poderán actualizarse a Android Q, e que estaría composta polos P30, P30 Pro, P30 lite, Mate 20, Mate 20 Pro, Mate 20 X (5G), P Smart Z, P Smart 2019, P Smart+ 2019, P20, P20 Pro, Mate 10 Pro e Mate 10 Porsche Design.

Vídeo da nova campaña de comunicación de Huawei