HQ Trivia estrea concursos patrocinados esta semana

luns, 26 de marzo do 2018 Marcus Fernández

O xogo móbil que permite participar nun concurso cun presentador que formula as preguntas nun vídeo en directo, HQ Trivia, que destaca por ofrecer premios económicos aos seus concursantes que participan totalmente de balde, parece ter atopado o rego polo que seguir, aproveitando a grande masa de usuarios que aglutina todos os días para campañas como as que ten esta semana, na que tras varios meses de actividade estrea patrocinadores oficiais.
Así, durante a xornada de hoxe celebrará o Air Max Day, xornada patrocinada por Nike, na que celebrarán unha partida sorpresa de 15 preguntas para que os gañadores poidan repartirse 100.000 dólares de premio, de xeito que os habituais do xogo terán que estar atentos aos seus teléfonos para saber cando poderán participar nesta competición que incluirá tamén un premio que os cartos non poden mercar (o que probablemente sexan unha edición limitada de zapatillas Nike Air Max).
Pero tamén a Warner Bros. pechou un acordo de patrocinio co HQ Trivia, que aseguran que tería un investimento total de 3 millóns de dólares para promover 3 filmes, dos que o primeiro sería Ready Player One. Para dar unha maior visibilidade ao novo filme de Steven Spielberg en HQ celebrarán unha partida o mércores cun bote de 250.000 dólares, que de seguro que captará moita atención e casa especialmente coa produción patrocinada (xa que está ambientada nun mundo de realidade virtual na que hai unha competición que saldarase cun grande premio no mundo real).
HQ Trivia xunta a centos de milleiros de xogadores a diario, chegando ata preto dos 2,2 millóns o pasado 4 de marzo e tendo como bote máximo ata o momento 50.000 dólares, polo que estas novas campañas patrocinadas poden supor un antes e un despois para a plataforma, disparando a súa popularidade e demostrando o poder que ten xuntar a unha grande audiencia diante do seu móbil durante varios minutos e cun nivel de atención moi elevado.