Gucci prepara a súa entrada no mercado das lentes con IA

venres, 17 de abril do 2026 Redacción

Luca de Meo, conselleiro delegado do grupo Kering

O grupo Kering, propietario de Gucci, ten previsto entrar no mercado das lentes con tecnoloxía de intelixencia artificial mediante unha alianza con Google, segundo avanzou o seu conselleiro delegado, Luca de Meo. O lanzamento deste produto podería producirse en 2027, o que situaría a compañía como unha das primeiras grandes marcas de luxo en apostar por este segmento emerxente.
A iniciativa enfrontaría directamente a Kering con EssilorLuxottica, líder europeo do sector óptico, que xa comercializa lentes baixo a marca Ray-Ban en colaboración con Meta, e sorprende porque ata o momento Google e Samsung só anunciaran colaboracións coas marcas Gentle Monster e Warby Parker. Este movemento evidencia o crecente interese da industria tecnolóxica e do luxo por integrar funcionalidades dixitais avanzadas en produtos de uso cotián.
A aposta polas lentes intelixentes forma parte dunha estratexia máis ampla de Kering para reforzar divisións como a óptica e a xoiería, que actualmente teñen un peso menor nos ingresos totais do grupo. O obxectivo é diversificar o negocio e mitigar o impacto das flutuacións nas tendencias de moda, que afectaron especialmente a Gucci nos últimos anos.
De Meo subliñou a necesidade de recuperar os códigos estéticos máis recoñecibles da firma italiana, tras un período no que, segundo indicou, «ás veces non se utilizaron e noutras ocasións abusouse deles». A intención é revitalizar a marca apoiándose na súa identidade histórica.