Google mellorará o seu sistema de pagamento mediante o móbil

luns, 23 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

A realización de pagamentos mediante o móbil, pese a levar bastantes anos entre nós, non conseguiu popularizarse nos mercados occidentais, e aínda que Google Wallet conta coa funcionalidade de poder realizar pagamentos mediante o contacto do smartphone co TPV dende 2011, o público non parece ser consciente das bondades de tal funcionalidade ata agora que Apple lanzou unha semellante, o que está a levar a Google a fornecer a súa tecnoloxía para levala un paso adiante.
Así, agora anuncian que van continuar a mellorar o pagamento mediante NFC a través de Google Wallet, para o que están a traballar con AT&T, T-Mobile e Verizon para que inclúan de xeito pre-instalado nos smartphones que venden a aplicación de Google Wallet, á vez que chegaron a un acordo coa compañía de pagamentos móbiles Softcard para mercar a súa tecnoloxía e propiedade intelectual, e facer que Google Wallet sexa aínda mellor.
Deste xeito Google pretende que o seu sistema de pagamentos co móbil sexa tan doado e seguro de usar como Apple Pay, aínda que non é a única compañía que entra nesta carreira, pois a propia Samsung vén de mercar LoopPay, un provedor de solucións de moedeiro electrónico móbil especializada en converter os TPV de cinta magnética e lectores sen contacto.