Facebook incentiva economicamente o uso do seu servizo de vídeo en directo

xoves, 7 de abril do 2016 Marcus Fernández

Onte comentamos como Facebook Live estaba a dar pasos axigantados, e o servizo que comezou servindo de plataforma para que as celebridades conectasen con seu público quería converterse nunha ferramenta masiva, para o que Facebook estaría a pór cartos sobre a mesa, xa que ten que compensar rapidamente a posición líder que actualmente ten o Periscope de Twitter, polo que precisa dun esforzo adicional.
Deste xeito nas últimas semanas xa se soubo que Facebook estaría a incentivar economicamente o emprego de Facebook Live por parte de famosos (aínda que fálase de só un cento de celebridades) e agora sorprende bastante máis o feito de que Facebook quere que medios como BuzzFeed e o New York Times fagan uso do seu servizo de vídeo en directo, estando dispostos a pagarlles por facer tal. Falamos de casos moi puntuais, nos que certos medios realizarían transmisións de vídeo en directo a través de Facebook para popularizar a ferramenta, que busca gañar pulo para converterse no grande referente do sector (aproveitando a masa de usuarios de Facebook).

Tastemade producirá 100 retransmisións ao mes

As probas de Tastemade con Facebook Live tiveron grande éxito

Nesta liña a rede de vídeos Tastemade, especializada en contidos de viaxe e comida, anunciou que vai lanzar unha programación en directo exclusiva para Facebook, que incluiría un cento de retransmisións ao mes. Parece unha idea arriscada, pero en canto vemos os resultados das probas realizadas recentemente por Tastemade resulta evidente que este novo xeito de publicar contidos ten moito potencial. Comentan que unha das súas últimas retransmisións conseguiu xuntar a 100.000 espectadores simultáneos, acumulou 1.4 millóns de visualizacións na primeira hora, superou o millón de espectadores, tivo 33.000 gústames e compartidos, e 91.000 comentarios, polo que haberá quen incluso vexa esta plataforma audiovisual como un competidor dos medios de comunicación tradicionais.
Os contidos de Tastemade para Facebook consistirán en programas de cociña, titoriais de receitas, programas de viaxes e incluso novos formatos deseñados especialmente para Facebook Live, tendo estes programas unha duración de entre 10 e 60 minutos e retransmitíndose dende localizacións espalladas polo mundo e con contidos en distintos idiomas.
Esta rede de vídeos ten uns 100 millóns de usuarios mensuais activos e supera os 1.500 millóns de reproducións de vídeo ao mes, polo que é unha boa mostra do que o vídeo en liña pode conseguir cos contidos e formatos axeitados.