Expiran as patentes relativas ao formato MP3

luns, 15 de maio do 2017 Marcus Fernández

O Rio PMP300 foi un dos primeiros reprodutores portátiles de MP3, contribuíndo á popularización deste formato

Aínda que o uso do formato de compresión de audio MP3 sempre foi de balde para o usuario final, as compañías que fabricaban trebellos con soporte nativo deste formato, dende reprodutores de MP3 puros ata incluso reprodutores de DVD que permitían escoitar música, tiñan que pagar unha licenza para poder empregar legalmente o formato, o que chegou a xerar bastantes millóns de euros nas dúas últimas décadas, pero este negocio chega á súa fin, pois na Unión Europa as patentes básicas do MP3 expiraron en 2012 e nos EE.UU. veñen de expirar as tres patentes que quedaban en vigor.
Ante esta situación dende Fraunhofer IIS, o principal beneficiario do xogo de licenzas, publicaron unha páxina web na que fan un repaso da historia do MP3, dando a entender interesadamente que o remate do negocio fará que deixen de distribuírse codificadores e descodificadores de MP3, por mor da existencia de alternativas como o formato AAC (tamén promovido por Fraunhofer), cando a realidade é ben distinta: agora xa non hai patentes protexendo o MP3, o que facilita o seu uso para fabricantes e desenvolvedores, que poden empregar esta compresión sonora sen preocuparse por ter que pagar ao Instituto Fraunhofer unha licenza por cada unidade de produto vendida.