Dygra Films continúa en apuros económicos

luns, 3 de agosto do 2009 Marcus Fernández

Noche ¿de paz? é a nova produción de Dygra Films que busca ser a primeira longametraxe galega para cine esteoscópico

O pasado mes de abril a produtora coruñesa Dygra Films presentou un expediente de regulación de emprego temporal, por 3 meses, que afecta á metade co seu cadro de persoal (composto por 70 persoas) ante os problemas de liquidez da compañía que encabeza Manuel Gómez, quen asegura que é produto do retraso do peche dunha operación financeira cunha entidade bancaria que agardaban solucionar antes do prazo indicado, o que ao final parece non terse producido, o que sitúa en grandes problemas aos seus traballadores, que nalgún caso denuncian non ter cobrado no que vai de ano, e agora aproveitan a web para denunciar que non esperan cobrar os meses de agosto e setembro, mentres que a súa nova produción (Noche ¿de paz?) non estará lista ata maio (e trátase dun filme de Nadal, polo que a súa explotación comercial podería demorarse bastante). Tamén comentan que Gómez mantén múltiples causas xudiciais con ex empregados e ex directivos de Dygra e outras compañía que dirixía, o que non impediu que realizasen sesións de recrutamento na pasada edición de Mundos Digitales, onde tamén fixeron un pase previo da súa vindeira película, que puido verse aproveitando a sala 3D da Domus.
Cómpre destacar que esta problemática non sería consecuencia directa da crise económica actual, pois hai un par de anos Dygra xa afrontou problemas semellantes e na compañía é habitual a inestabilidade económica, o que dende a compañía aseguran que é culpa da longa duración das producións das películas de animación, pois tardan «3 ou 4 anos en realizar a cinta, e hai outro ano máis para a explotación». Entre as súas producións están 3 longametraxes de animación (O Bosque Animado, Soño dunha noite de San Xoán e O Espírito do bosque) que foron todo un exemplo da animación 3D feita en Galicia, polo que non é unha boa nova para o audiovisual galego ver cómo unha empresa do sector pasa dificultades económicas.