BlackBerry adía o lanzamento de BBM para Android e iPhone

luns, 23 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Momento no que se anunciou que BlackBerry preparaba versións do BBM para Android e iOS

Esperábase que o hai tempo popular BlackBerry Messenger (BBM) chegase durante a fin de semana a Android e iPhone, pero a estrea non podería ter saído peor, e primeiro filtrouse unha versión previa da versión para Android, descargada por 1,1 millóns de usuarios nas primeiras 8 horas e provocando unha vaga de tráfico que dende BlackBerry non foron quen de atender debidamente, o que provocou que a versión oficial da aplicación non chegase a publicarse polas canles oficiais.
A versión para iPhone si chegou ocasionalmente á App Store, pero vendo os problemas que estaban a experimentar nos servidores da compañía, decidiron retirala rapidamente. En consecuencia, nos vindeiros días os usuarios de BBM para iOS poderán continuar a empregar a aplicación, mentres que os de Android verán como a versión filtrada do BBM está a ser bloqueada por BlackBerry, instando aos interesados a recorrer á páxina web do servizo para ter información sobre a dispoñibilidade do servizo.

Quen descargase a versión para iPhone do BBM poderá seguir empregando a aplicación nos vindeiros días

Temos así que o lanzamento de BBM para Android e iPhone queda en suspenso, de xeito non se retomará ata que tomen as medidas oportunas para poder soportar a carga inicial que terán os seus servidores ante os millóns de usuarios curiosos que buscarán interesarse por esta plataforma de comunicación que polo momento era exclusiva de terminais BlackBerry. Espérase que no segundo intento BlackBerry faga un lanzamento paulatino do servizo por países para poder controlar mellor a ampliación do seu servizo.
De todos os xeitos, BBM vai telo moi difícil para desbancar a un servizo como WhatsApp, dispoñible para moitas máis plataformas, cun volume de usuarios impresionante e coa facilidade de empregar como identificador o número de teléfono. Pola súa contra, BBM pode destacar por características como indicar cando unha mensaxe foi lida polo seu receptor e integra videochamadas.

Imaxes da versión para iOS de BBM