As reaccións de Facebook comezan a funcionar a nivel mundial

mércores, 24 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Tras unha fase de probas inicial en España e Irlanda, que foron espallando progresivamente a outros países, Facebook decidiu que as súas reaccións en forma de emoticonas para enriquecer os Gústames, dándolles matices para amosar amor, risa, sorpresa, tristura ou enfado, estaban xa preparados para todo o mundo, e anuncia que iniciaron o seu espallamento global, de xeito que a partires de agora en todo o mundo poderán empregar o novo botón de Gústame ampliado, de xeito que o número de Gústames xa non indicará só o interese dos usuarios de Facebook por unha publicación, senón que matizará o mesmo e incluso evitará os equívocos que provoca indicar que gustamos dunha mala nova.
Estamos ante un profundo cambio dentro de Facebook, ante o que quixeron madurar ben as opcións que ían incluír no botón de Gústame (de feito, eliminouse unha das iniciais) e tras recibir unha boa aceptación da nova funcionalidade decidiron consolidala, o que poderá afectar ás publicacións, xa que, aínda que nun principio cada unha das reaccións é equivalente a un Gústame, están a analizar o peso que ten cada unha das reaccións, de xeito que espérase que co tempo non se considere igual de importante cada unha das opcións dispoñibles á hora de escoller as informacións que saen na cronoloxía dos usuarios.
Dende Facebook instan aos responsables de páxinas a aproveitar esta nova fonte de información que axudará a coñecer mellor a acollida que dan os usuarios a cada contido.