Apple publica uns positivos resultados trimestrais

xoves, 24 de abril do 2014 Marcus Fernández

Durante a xornada de onte Apple publicou os seus resultados financeiros do segundo trimestre fiscal de 2014 (que remata o 29 de marzo) cuns ingresos de 45.646 millóns de dólares en ingresos e 10.200 millóns de beneficios netos, o que suporía un pequeno incremento fronte ao mesmo período do ano anterior grazas principalmente ás vendas do iPhone, que continúan a medrar, mentres que outras liñas de produto como os iPad e o iPod están a experimentar caídas, no que podería indicar un cambio de tendencias que forzaría a Apple a volver á senda da innovación de querer manter o seu crecemento meteórico.
Neste último trimestre venderon 43,7 millóns de iPhone (o que supón un incremento interanual do 17%), os ordenadores tamén conseguiron medrar un 5% (grazas principalmente os equipos portátiles), os reprodutores multimedia caen estrepitosamente ata os 2,8 millóns de iPod vendidos (o que supón un descenso de vendas do 51%) e os iPad experimentan unha caída do 16%, e aínda que 16,3 millóns de iPad non sexa unha cantidade cativa, podería indicar unha saturación do mercado (en boa medida porque os consumidores non renovan os tablets coa mesma frecuencia que os smartphones, á vez que tamén aceptan o seu uso compartido no fogar).
Pese a que o iPad non parece ser capaz de soster o seu crecemento en vendas, a nivel de uso continúa a gozar de grande saúde, e dende Apple presumen que o tráfico web dende o iPad é catro veces o da suma dos tablets con Android. Mantense así o iPad como o tablet máis usado e desexado polo público.