A revista satírica Orgullo y Satisfacción anuncia o seu peche

luns, 2 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Portada do número de xaneiro de Orgullo y Satisfacción

No ano 2014, tras unha inxerencia censora da editorial RBA á revista El Jueves, produciuse unha fuxida masiva de autores da histórica publicación para emprender un novo proxecto con Caramba Comics, unha revista satírica en formato dixital chamada Orgullo y Satisfacción, que pretendía ser unha versión máis libre da cabeceira anterior mantendo a dignidade profesional dos seus autores, para o que confiaban plenamente nos lectores.
O proxecto comezou cun enorme pulo, con máis de 40.000 exemplares vendidos do seu número 0, pero consolidándose nunhas 4.500 copias por número a 1,5 euros cada unha, de xeito que o proxecto non conseguiu acadar a súa viabilidade económica, para o que precisaban vender 12.000 exemplares ao mes, e ante tal situación anuncian unha medida sen precedentes no panorama editorial español: pecharán a revista no mes de decembro.
Desde xeito Orgullo y Satisfacción non pechará de vez e, por respecto aos subscritores actuais, continuará até rematar o presente ano, de xeito que non tería que reintegrar parte da subscrición a ningún lector, dando así tempo a dixerir o peche, e permitindo incluso subscricións polos meses que queden. Deste xeito temos a curiosa decisión de preferir o cesamento dunha publicación dixital a pivotar a outros modelos de negocio nos que socios financeiros ou acordos publicitarios puidesen manter o negocio, xa que pretendían un nivel de independencia que non sería posible se mudan o alicerces sobre os que se construíu a revista, e prefiren pechala que perverter os seus principios.
Podemos entender que estamos ante unha conformación máis das dificultades de manter publicacións periódicas financiadas unicamente polos lectores, de xeito que o modelo de negocio propio das edicións impresas é moi complicado de trasladar ao contorno dixital e, de feito, en Galicia tamén tivemos unha publicación que seguiu os pasos de Orgullo y Satisfacción, O Botafumeiro, que tampouco conseguiu consolidar un volume de vendas que permitise a súa continuidade.