A aplicación de Instagram para Windows 10 por fin funciona en PC

venres, 14 de outubro do 2016 Marcus Fernández

A aplicación de Instagram para Windows 10 vén de actualizarse, deixando de ser unha aplicación exclusiva para smartphones, de xeito que agora xa pode instalarse en ordenadores persoais, facilitando así o acceso aos contidos de Instagram a través de moitos máis equipos, aínda que con certas limitacións dende o PC, xa que as funcións de cámara (facer fotografías e gravar vídeos) non son compatibles con todos os trebellos con Windows 10. Pero que o noso ordenador de sobremesa careza da posibilidade de subir fotografías a Instagram dende a aplicación oficial é un atranco que non terán usuarios de, por exemplo, tabletas con Windows 10 (ou equipos híbridos como os da marca Surface), que si agradecerán esta nova versión da aplicación.
Coa nova aplicación de Instagram os usuarios de Windows 10 non só poden descubrir as fotografías e vídeos doutros usuarios, e ver os contidos compartidos polos usuarios aos que seguen, así como enviar contidos en privado, senón que tamén incorpora as Historias, que poden tanto consultarse como publicarse, de xeito que poderiamos dicir que estamos ante unha versión completa de Instagram, que nalgúns equipos ofrece unha experiencia completa do servizo que tanto éxito colleitou nos últimos meses, chegando a superar a Twitter e converténdose no azoute internacional de Snapchat.