A Xunta destaca a boa acollida nas redes sociais da campaña Activa Comercio
venres, 12 de xuño do 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, entregou este venres 12 de xuño en Ourense un dos catro bonos regalo de 250 euros que se sortearon nas redes sociais entre as persoas que participaron na primeira edición de 2026 dos Bonos Activa Comercio.
O sorteo, celebrado por vez primeira, tivo “boa acollida”, en palabras do director xeral, que salientou as preto de 2.000 interaccións rexistradas nas contas de Instagram e TikTok da Xunta de Galicia.
A entrega do bono tivo lugar na librería Perseidas, un dos arredor de 900 establecementos ourensáns adheridos dos máis de 6.400 de toda Galicia que se involucraron na iniciativa. Alí, Alén lembrou que estes bonos adicionais de 250 euros —en formato dixital mediante código QR— deben gastarse precisamente nestes comercios implicados, cun prazo de validez dunha semana. Cómpre recordar que a primeira edición do ano dos Bonos Activa Comercio mobilizou máis de 11,1 millóns de euros en vendas, dos que preto de 1,7 millóns corresponderon á provincia de Ourense.
O Bono Activa Comercio 2026 é unha axuda da Xunta de Galicia para aforrar nas compras. Serve para gastar en tendas locais que participan no programa. O obxectivo é axudar aos clientes e impulsar o comercio de proximidade.
Os descontos inclúen 5 euros de rebaixa se mercamos entre 20 e menos de 30 euros, 10 euros de rebaixa se compramos entre 30 e menos de 50 euros, e 15 euros de rebaixa se gastamos 50 euros ou máis.
Podemos baixalo en formato de código QR no noso móbil, tras entrar na web oficial de Bonos Activa Comercio. O bono úsase de forma sinxela ao pagar nas tendas adheridas á campaña.
