A Panasonic LUMIX GH6 promete rendemento profesional de vídeo

martes, 22 de febreiro do 2022 Marcus Fernández

Mentres outros fabricantes apostan forte polas cámaras full frame sen espello, dende Panasonic non dan por perdidos tamaños de sensor máis reducidos, e presentan a nova cámara LUMIX GH6, unha cámara sen espello micro catro terzos, que co seu sensor Live MOS de 25,2 Mpíxeles sitúase como a cámara de maior resolución do seu segmento, presumindo especialmente das súas opcións de gravación de vídeo, xa que permite gravar en 4K a 60 imaxes por segundo en 10 bits e sen limitación de tempo (permitindo tamén a gravación en 5,7K de 10 bits), e incluso soporta os codificadores de vídeo de Apple ProRes 422 HQ e ProRes 422.
A gravación de vídeo a alta velocidade (o que facilita impresionantes cámaras lentas) tamén é un elemento destacado na LUMIX GH6, xa que pode gravar en 4K de 10 bits ata a 120 imaxes por segundo, pero tamén ofrece modos Full HD de até 240 imaxes por segundo e, con VFR, inclúe gravación de supercámara lenta de até 12,5x (300 imaxes por segundo).
Entre os puntos fortes da LUMIX GH6 está un estabilizador de imaxe de alta calidade (cun sensor xiroscópico de 5 eixes), un rango dinámico de +12 pasos para a gravación V-Log (ampliándose a +13 pasos no modo Dynamic Range Boost) e tamén ofrece gravación de audio de 4 canles grazas a una adaptador de micrófono XLR, o que aporta maior flexibilidade de gravación en exteriores.
Esta cámara fotográfica claramente orientada á gravación de vídeo chegará ao mercado en marzo a un prezo de 2.199 euros (o corpo), podéndose adquirir tamén cun obxectivo 12-60mm F3.5-5.6 por 2.399 euros e cun obxectivo Leica 12-60mm F2.8-4 por 2.799 euros.